Data de emisión: 14 febreiro 2018

Arte Contemporáneo. Eduardo Arroyo

CONSULTAR TARIFAS

Arte Contemporáneo. Eduardo Arroyo

HISTORIA

ARTE CONTEMPORÁNEA. EDUARDO ARROYO.

Nacido en Madrid en 1937, este representante da figuración crítica, de contido político e social, trasladouse a París entre outros motivos de índole política, polo seu desexo de converterse en escritor.

A súa facilidade co idioma permitiulle integrarse doadamente na vida artística da cidade do Sena, instalándose no barrio dos pintores, o que lle fixo afeccionarse pola pintura, ademais de acentuar o seu compromiso político.

A súa obra pictórica ten unha forte carga política e, tamén, reflicte os aspectos máis duros do exilio.

Tamén se preocupou polo compromiso da arte e a vangarda, da que dicía que era unha prolongación da moda á que había que facer fronte. Dalgún xeito non entendía o amor incondicional por algúns autores vangardistas.

O selo que se incorpora á serie Arte Contemporánea, recolle unha das obras do autor, dentro da súa serie artística titulada Parmi les peintres, na que os protagonistas, os pintores, van ataviados como auténticos dirixentes da mafia, co rostro indefinido cuberto con manchas de pintura que, dalgún xeito, recordan a mosaicos ou vidreiras de cores vivas. Estes señores aparecen sen ollos, cegos ante a realidade que viven.

No ano 2000, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle a Medalla de Ouro ao mérito das Belas Artes.

Hoxe en día a súa obra ten presenza nos máis importantes museos e centros de arte de todo o mundo, como o Museo Raíña Sofía de Madrid, o Museo de Belas Artes de Bilbao, o IVAM de Valencia, o MACBA de Barcelona, o Museo Nacional de Arte Moderna de París ou o MOMA de Nova York.

Tamén escribiu algunhas obras e fixo traballos como escenógrafo en montaxes teatrais, como La Vida es Sueño de Calderón de la Barca, co director José Luis Gómez.

Arroyo é unha lenda viva da arte en múltiples expresións, e esta folla bloque pasará a converterse nun trazo máis que quedará para a posteridade como as súas obras inmortais.