Data de emisión: 18 xuño 2018

Centenario del nacimiento Mariemma

CONSULTAR TARIFAS

Centenario del nacimiento Mariemma

HISTORIA

PERSONAXES. CENTENARIO NACEMENTO MARIEMMA

Guillermina Martínez Cabrejas (Mariemma) nace en Íscar (Valladolid) o 10 de xaneiro de 1917 e morre en Madrid o 10 de xuño de 2008.

Mariemma é unha das grandes figuras da danza do século XX: intérprete, coreógrafa, mestra, empresaria e investigadora.

Aos dous anos de idade, a familia trasládase a París, onde comeza, aos 9 anos, os seus estudos de danza clásica no Teatro Châtelet e forma parte das Petit Rats.

A súa primeira aprendizaxe do baile tradicional no seo familiar e a súa inicial formación académica en París serán os piares da súa variada e completa danza española.

O seu posterior estudo nas ricas e diversas danzas e músicas españolas permitiralle bailar e ensinar dende o rigor. Para iso, establece unha clara orde baseada nas catro formas da danza española: Escola Bolera, Folclore, Escola Flamenca e Danza Estilizada.

Na súa traxectoria como creadora e intérprete en recitais, é acompañada por grandes pianistas, guitarristas e cantantes de flamenco, especialmente polo mestre Enrique Luzuriaga dende 1940.

Forma a súa primeira compañía (Mariemma, Ballet de España) en 1955, coa que percorre os mellores escenarios do mundo e é reclamada como estrela invitada e coreógrafa en teatros tan emblemáticos como La Scala de Milán.

O seu legado coreográfico déixanos pezas únicas tanto en sós, como en obras corais: Córdoba, Andaluza, Barcarola, Malagueña, Danza e Tronío, España e Ibérica...,

En 1969 é nomeada catedrática de Danza Española da Real Escola Superior de Arte Dramática e Danza de Madrid. Instaura o seu propio sistema pedagóxico dende as catro formas da Danza Española, o que constitúe un antes e un despois na formación. Dirixe o devandito conservatorio dende 1980. Tamén crea a súa propia escola en Madrid, Íscar e Valladolid a partir dos anos setenta.

Os numerosos premios mostran o seu recoñecemento internacional: é nomeada unha das Sete Divinas da Danza, Premio Nacional de Danza, Medalla de Prata ao Mérito Turístico, Medalla das Belas Artes, Lazo de Dama da Real Orde de Isabel a Católica e Chevalier de L'Ordre des Arts et des Lettres, entre outros. O seu maior galardón é ter sido unha das grandes defensoras e embaixadoras da danza española.

Correos quixo sumarse ao centenario desta artista cun selo no que aparece unha fotografía de Mariemma nos anos 60, actuando en escena, de costas, foco ao fondo, vestida de Escola Flamenca, enmarcada toda a escena nunha silueta de guitarra española, unindo así danza e música.