Data de emisión: 31 outubro 2018

Exfilna 2018. Sevilla

CONSULTAR TARIFAS

Exfilna 2018. Sevilla

HISTORIA

EXFILNA 2018. SEVILLA.

A Sevilla viaxa este ano a Exposición Filatélica Nacional, EXFILNA, organizada pola Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), que este ano celebra a súa 56.ª edición do 31 de outubro ao 4 de novembro co patrocinio da Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos.

Con este motivo, Correos emite unha nova folla bloque.

Ter este selo entre as mans é ter un anaquiño da capital andaluza. Ademais, mostra algúns dos elementos máis representativos da cidade, como o propio azar que decora as laranxeiras sevillanas. Tamén os caraveis, flor típica española que adorna os balcóns e as solapas andaluzas. O Metropol Parasol, máis coñecido como os cogomelos de Sevilla, é unha construción en forma de pérgola de madeira e formigón, situada na céntrica praza da Encarnación, dende a cal se aprecian unhas vistas espectaculares da cidade. Tamén, podemos ver a cúpula da igrexa da Anunciación, coa súa típica construción sevillana coñecida como alboaire e decorada exteriormente cun revestimento de azulexos.

No centro da folla bloque temos a imaxe do Xiraldillo, a escultura que coroa a Xiralda de Sevilla. Esta figura representa a fortaleza da fe. Na man dereita, leva un grande escudo ou estandarte, que fai de viraventos, culminado cunha lanza coroada coa cruz cristiá, e na esquerda sostén unha folla de palma.

Esta figura, o busto do Xiraldillo, é o protagonista do selo e da folla bloque, xa que todo el é unha calcografía que lle dá ese toque especial que merece. Xunto á folla bloque aparecerá unha Proba de Artista coa reprodución do selo en ouro rosa.

Son moitos os coleccionistas que esperan con desexo cada ano a chegada da EXFILNA e do selo dedicado a ela. Nesta ocasión invítanos a visitar a capital do Guadalquivir, que tivo a ben acoller este grande evento para todos os filatélicos e afeccionados á Filatelia, que manteñen viva esta arte de coleccionar selos que tantas satisfaccións provoca.