Data de emisión: 26 marzo 2018

Museos

CONSULTAR TARIFAS

Museos

HISTORIA

MUSEOS

Correos, no seu afán por difundir a cultura española, volve emitir tres Pregos Premium dedicados á museoloxía española.

Nesta ocasión, o Museo Guggenheim Bilbao, que en 2017 cumpriu 20 anos, o Museo Marítimo do Cantábrico e o Corpo de Conservadores de Museos son os protagonistas dos tres Pregos Premium que se suman á serie Museos , que dende hai anos leva por todo o mundo en forma de selos os museos do noso país.

Museo Guggenheim Bilbao. Bilbao: se miramos á ría, o edificio que alberga o museo suxire un gran barco, como símbolo de identidade da cidade de Bilbao. Pero tamén, o arquitecto Frank Gehry, responsable do seu deseño, pretendeu cos seus paneis brillantes que o museo recordara ás escamas dun peixe. Este edificio de formas imposibles alberga obras da Fundación Solomon R. Guggenheim, ademais de exposicións itinerantes.

O selo presenta unha imaxe do museo dende o outro lado da ría, dende a avenida das Universidades, dende onde se pode considerar esta xoia da arquitectura moderna en todo o seu esplendor.

Museo Marítimo do Cantábrico. Santander: este edificio ten como misión difundir o patrimonio marítimo cun fondo que mostra a gran diversidade do Cantábrico e, tamén, a relación dos seus habitantes co mar ao longo dos séculos. O selo recolle unha imaxe de dous dos protagonistas do museo: os esqueletos de dúas baleas, unha delas, un rorcual franco de máis de vinte metros encontrado morto o século pasado. A exposición de contidos abrangue catro grandes áreas que son: A vida no mar, Pescadores e pesqueiras, O Cantábrico e o mar na historia, e Vangarda tecnolóxica fronte ao mar.

Corpo de Conservadores de Museos: en 1867 creábase a Sección de Anticuarios do Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios, actual Corpo Facultativo de Conservadores de Museos. A súa misión principal é a de conservar, investigar e fomentar a difusión do patrimonio e os bens culturais. Este ano, con motivo do seu 150 aniversario, é tamén protagonista dun Prego Premium que mostra imaxes do pasado e o presente dunha profesión tan apaixonante.