Data de emisión: 24 setembro 2018

Oficios Antiguos. Vidriero

CONSULTAR TARIFAS

Oficios Antiguos. Vidriero

HISTORIA

OFICIOS ANTIGOS. VIDREIRO.

Cun fermoso Prego Premium cheo de cores, emítese un novo selo da serie dedicada a Oficios Antigos, protagonizada este ano polo nobre oficio de vidreiro.

Estes artesáns-artistas dedican a súa vida a dar forma e cor ao vidro.

O vello oficio, que require establecer unha sorte de diálogo entre un dos elementos primarios, como é o lume, e un material tan delicado como o vidro, segue existindo dende tempos inmemoriais facendo coas súas propias mans algo que parece maxia.

É certo que as técnicas foron avanzando e tamén os materiais que se usan, pero esa esencia ancestral segue vixente en cada un deses obradoiros artesanais.

A partir do Renacemento, os vidreiros lograron realizar obras mestras en canto a formas e cores, á zaga de pintores, arquitectos e deseñadores.

Eran moitos os encargos nas grandes construcións relixiosas, cuxas decoracións en vidros, en moitos casos, se convertían no centro de atención de catedrais e igrexas.

Lonxe de converterse nunha curiosidade do pasado, as innovacións técnicas e a paixón polo seu oficio fan que esta actividade siga presente na nosa sociedade.

O Prego Premium mostra a imaxe dun vidreiro usando a técnica de soprado, que dá lugar a belas pezas de formas imposibles e cores alegres. O Prego está enmarcado con detalles que asemellan os cristais das vidreiras e nunha esquina, un motivo típico destas obras de arte.

Contén sete selos máis unha viñeta con formato oxival, forma característica dos vitrais, onde se combinan diferentes cores xeometricamente sobre fondo negro para resaltar a cor do vidro. Cómpre salientar que tanto o selo coma o prego Premium se imprimiron en acetato transparente para conseguir o efecto de transparencia do vidro.

Na parte inferior do Prego Premium, recóllese a frase: “Hai que executar o oficio como un artesán. A técnica enriquécese co traballo manual. Co dominio e a habilidade da man que exerce a cana”, frase que recolle a esencia do oficio de artesán e, neste caso, o honroso e apaixonante oficio de vidreiro.