Data de emisión: 28 febreiro 2018

Patrimonio Mundial. Santiago de Compostela

CONSULTAR TARIFAS

Patrimonio Mundial. Santiago de Compostela

HISTORIA

PATRIMONIO MUNDIAL. SANTIAGO DE COMPOSTELA

Un novo selo incorpórase á serie Patrimonio Mundial, que, seguindo a liña de anos anteriores, é emitido nunha folla bloque cun selo de forma redondeada e que representa o anverso da moeda de dous euros que se poñerá en circulación tamén este ano.

O gravado da moeda representa o Apóstolo Santiago coa indumentaria de peregrino, diante dunha das portas da catedral de Santiago de Compostela.

O selo está enmarcado nunha bela calcografía da propia catedral. Concretamente, pódese ver a fachada principal, que cada ano recibe miles e miles de peregrinos, que, tras rodear todo o edificio, chegan á praza do Obradoiro para contemplar e atravesar o Pórtico da Gloria, e alcanzar por fin un soño, un desexo, despois de días de camiños, chuvia e de frío que tantas veces acompañan os peregrinos.

Chegar fronte a esta catedral é chegar á meta. Son moitos os momentos de reflexión, de risas e de bágoas, de novas experiencias con xente que vén de todos os recantos do mundo para realizar esta peregrinación, que dende hai centos de anos reúne millóns de seguidores que, con algunha ou ningunha inquietude relixiosa, son movidos polas ganas de realizar esta fazaña ou vivir unha aventura.

No terceiro terzo do século XI, Bernardo el Viejo e Roberto inician a construción da catedral románica, baixo o reinado de Afonso VI, sendo bispo daquela don Diego Peláez. Tras moitas idas e vindas, interrupcións e dificultades, en 1211 celébrase a consagración da basílica coa presenza de Afonso IX.

Aínda que a catedral mantivo a súa estrutura inicial, ao longo dos séculos foi variando a súa fisionomía coa construción posteriormente no Renacemento do claustro e, despois, durante o Barroco, da capela maior, os órganos ou a fachada da praza do Obradoiro.

Máis tarde, xa no Neoclásico, construíuse a fachada de Acibecharía.

A catedral de Santiago é a guinda a unha cidade merecedora de ser Patrimonio da Humanidade.