Data de emisión: 16 xullo 2018

Tradiciones y Costumbres. Camino de la Lana

CONSULTAR TARIFAS

Tradiciones y Costumbres. Camino de la Lana

HISTORIA

Tradicións e Costumes. Camiño da La

Dentro da serie Tradicións e Costumes, emítese un selo dedicado ao Camiño da La: unha ruta gandeira que seguían os tosquiadores, gandeiros e comerciantes relacionados coas mercadorías da la e derivados desta, e unía o gran produtor ovino da Mancha con Burgos, capital comercial da la durante os séculos XVI e XVII. No aspecto xacobeo, existe unha peregrinación documentada por esta ruta na primavera de 1624 de Francisco Patiño, María Franchis e Sebastián de la Huerta, que inician a súa peregrinación na poboación de Monteagudo de las Salinas.

Os puntos de orixe actuais do camiño da la encóntrase en distintas cidades, como Alacant e Valencia, transcorren polos camiños levantinos e pasan por localidades como Novelda, cuxa asociación é unha das principais precursoras do renacemento e recuperación deste camiño na era contemporánea, ata chegar á provincia de Albacete, na que hai localidades de certa relevancia, como Caudete, por ser punto de confluencia de distintos camiños xacobeos do sueste peninsular, e Alatoz, onde se encontra a sede da asociación que preside esta provincia.

Atravesando Cuenca, provincia de gran raizame xacobea, chegamos á localidade de Monteagudo de las Salinas, capital histórica deste camiño, onde poderemos visitar un dos seus promontorios no que se sitúa o monumento que fai alegoría a este feito detallado anteriormente, e no que se basea a temática da edición do selo. Pasamos por Cuenca capital, espléndida cidade patrimonio cultural, partindo en dirección norte ata chegar a Villaconejos de Trabaque, sitio de recoñecido prestixio pola súa tradición de acollemento íntimo e persoal ao peregrino.

Na provincia de Guadalaxara, dános acollemento o estandarte dos seus albergues na poboación de Salmerón: trátase dun antigo palacete adaptado para este efecto. Pasaremos por núcleos de poboación cun gran patrimonio histórico, como Trillo e Cifuentes. Como única variante do camiño que volverá confluír de novo na poboación medieval de Atienza, encontramos o tramo que atravesa a localidade de Sigüenza, posuidora dunha espléndida catedral, entre outros belos edificios, sen esquecer neste mesmo trazado a poboación de Palazuelos, denominada “a pequena Ávila de Guadalaxara” pola muralla que a rodea.

Unha vez que entramos na provincia de Soria, encontraremos Retortillo de Soria, municipio que conserva dous pórticos e 300 m de muralla de pedra como vestixio dunha época medieval na que a vila estaba fortificada. Proseguindo chegaremos a través dun val abrupto e serpeante que acompaña ao río Caracena ata a localidade que leva este mesmo nome, e que ten o orgullo de albergar unha xoia do románico do século XII, que é a Igrexa de San Pedro, patrimonio histórico nacional e un dos emblemas deste camiño. Cómpre salientar tamén a poboación de San Esteban de Gormaz, un dos núcleos máis importantes de Soria e cun gran patrimonio, entre os que se encontra o seu castelo, o máis extenso de Europa.

Burgos recíbenos e énchenos de boas sensacións alegrándonos a vista con poboacións como Santo Domingo de Silos e o seu precioso mosteiro, á parte doutra longa lista de grande interese, empezando pola súa contorna e a espectacular imaxe desta vila cando entras facendo o camiño dende o alto do monte que dá acceso a ela. Covarrubias é en si un monumento, que conserva a súa esencia e aspecto de antano, non en van por todo iso ostenta a certificación oficial de “vila bonita de España”. Mecerreyes é unha vila acolledora e pintoresca onde o trato ao peregrino é exquisito: ofrece un albergue da máxima calidade nun edificio restaurado ao gusto das antigas casas labregas.

O selo componse dunha ilustración onde aparecen varios elementos característicos deste camiño, como as ovellas ou o monumento de Monteagudo de las Salinas, onde repousa unha mochila de peregrino.