Data de emisión: 01 febreiro 2019

12 meses, 12 sellos. Badajoz

CONSULTAR TARIFAS

12 meses, 12 sellos. Badajoz

HISTORIA

12 MESES 12 SELOS. BADAXOZ

En febreiro, o selo dedicado a 12 meses, 12 selos, 12 provincias é Badaxoz. Como o resto dos selos desta serie, presídeo un BA a xeito das matrículas antigas, cun fondo azul, unha das cores da bandeira da provincia de Badaxoz.

Unha provincia que, agás excepcións como Mérida, é unha gran descoñecida en canto á súa riqueza cultural, turística e de ocio. Para coñecer un pouco máis esta provincia, elixíronse diferentes elementos para ilustrar o selo:

Aparece como elemento principal da gastronomía o xamón, produto estrela de porcos alimentados con landras nunha zona de devesas e serras. O queixo da serena, con D. O. elaborado exclusivamente con leite cru procedente dos rabaños de ovellas meiriñas características da bisbarra da Serena. Para rematar co viño D. O. Ribera del Guadiana en Almendralejo.

Destacamos a súa fauna na figura da cegoña, tan presente nesta provincia e esta época do ano. No referente á flora, a sobreira é a árbore máis representativa da devesa, coa súa explotación da cortiza.

As columnas do templo de Diana en Mérida trasládannos ao pasado romano, cando este templo destacaba dentro dunha gran praza coñecida como “Foro da Colonia”. Rodeada de importantes edificios públicos, foi o centro urbanístico e o principal lugar de encontro dos cidadáns de Augusta Emerita. O templo foi construído con granito procedente de canteiras locais e revestido con estuco.

Dende o século XVII, é popularmente coñecido como Templo de Diana, aínda que actualmente sabemos que estivo consagrado a Roma e ao emperador. A finais do século XV, seguindo os gustos da época polos vestixios da antigüidade, don Alonso Mexía, cabaleiro da Orde de Santiago, constrúe a súa residencia palaciana sobre os restos do templo romano. Actualmente consérvase parte da fachada principal do pazo renacentista. En 1972, o edificio foi expropiado coa intención de recuperar o antigo templo romano, aínda que, posteriormente, se decidiu manter parte do pazo polo seu indubidable valor patrimonial.

O retablo e o campanario da igrexa do Divino Salvador de Calzadilla de los Barros, de estilo gótico, data do século XV. No seu interior, o elemento máis relevante é o retablo maior, un dos poucos exemplares góticos que se conservan en Estremadura. Ambos os dous foron declarados Monumento Histórico Artístico en 1982.

A torre foi construída con perpiaños un tanto irregulares nas esquinas. De planta rectangular, e rematada en espadana, está formada por dous corpos separados por unha liña de modillóns. Dende o alto da torre aprécianse unhas fermosas vistas da contorna.

Na capela maior é onde descansa a obra máis salientable do conxunto, o retablo maior. Este monumento, de finais do século XV ou principios do XVI, é un dos poucos exemplares góticos que se conservan en Estremadura. Obra de Antón de Madrid, cunha disposición en tres planos, mostra escenas da vida de Cristo e a Virxe.