Data de emisión: 11 marzo 2019

Pueblos con encanto

CONSULTAR TARIFAS

Pueblos con encanto

HISTORIA

VILAS CON ENCANTO

Por cuarto ano consecutivo, Correos emite esta serie dedicada a esas vilas con encanto que forman parte da xeografía do noso país e que viaxarán polo mundo adheridos a envíos que se emitan dende España. Este despregable en forma de acordeón, que simula as tiras das tarxetas postais antigas, con formato de fol, presenta tamén o reverso do selo imprimido a xeito das traseiras daquelas tarxetas. Este despregable está composto por catro selos autoadhesivos máis unha viñeta.

As vilas elixidas nesta ocasión son: Liérganes en Cantabria, Covarrubias en Burgos, Laguardia en Áraba e Ujué-Uxue en Navarra.

Liéganes, situado na provincia de Cantabria; os testemuños máis antigos que encontramos son do século XVI. Explorar Liérganes permítenos gozar dun excelente conxunto de edificios barrocos e neoclásicos; casas grandes montañesas e pazos indianos; igrexas, capelas, ermidas, pontes e muíños que se alternan, integrando con naturalidade estilos e épocas. Cos seus pequenos segredos, estes edificios cóntannos o desenvolvemento e evolución de Liérganes. Un relato colectivo dun municipio que, pouco a pouco, foi converténdose no principal centro socioeconómico da bisbarra.

Covarrubias é unha poboación burgalesa na que se encontraron restos que demostran que esta terra tan singular foi habitada dende tempos do Paleolítico. Mantense a crenza de que a primitiva igrexa de San Cosme e san Damián é de época visigoda, co tempo converterase nun dos centros máis importantes na orde relixiosa, cultural e económica do condado. Foi no século X cando Covarrubias refai a súa vida e se asentan neste termo os sucesores do conde de Lara. Aquí posuían unha casa-pazo, legada anos máis tarde ao mosteiro de San Pedro de Arlanza por Fernán González. Serán os séculos XV e XVI os de plenitude para esta localidade, xa que se reedifica a igrexa de Santo Tomás e a nova colexiata, mostrando a riqueza do gótico burgalés. Tamén se restaura o pazo de Fernán González.

Laguardia é unha localidade de Áraba. Nos seus arredores encontráronse e seguen aparecendo gran cantidade de restos arqueolóxicos, claro indicio de que xa dende épocas moi remotas a zona estaba moi densamente poboada. É unha vila para perderse polas súas rúas e respirar toda a súa historia, deixándonos levar ata o reloxo animado que hoxe é un signo de identidade da poboación e o encargado de dar inicio ás súas festas patronais, as de San Xoán, o 23 de xuño.

Ujué-Uxue, en Navarra, é unha pequena vila medieval chea de encanto, situada na zona media oriental de Navarra. O seu enclave é único, situado no cume dunha montaña que domina a serra de Ujué. A súa zona urbana está formada por un conxunto heteroxéneo de antigas casas dispostas arredor da igrexa-fortaleza de Santa María (séculos XI-XIV), a cal se encontra no alto de Ujué. Paseando polas empinadas canellas empedradas que percorren a vila, aínda semellan escoitarse os sons metálicos propios de cabaleiros e soldados.