Data de emisión: 03 agosto 2020

12 meses, 12 sellos. Lleida

CONSULTAR TARIFAS

12 meses, 12 sellos. Lleida

HISTORIA

12 MESES 12 SELOS. LLEIDA

A natureza, a arte, a gastronomía e a aventura son algúns dos atractivos que ofrece a provincia de Lleida a todo aquel que desexe visitala. Unha provincia que nace entre os cumios, vales e lagos do Pireneo; flúe polo río Segre e os seus afluentes para vertebrar o territorio e regar a horta de froiteiras que cingue a capital, para rematar desembocando no Ebro, que acaricia o extremo máis meridional da provincia.

O selo da serie 12 meses, 12 selos, evoca cun mosaico de imaxes, o encanto da provincia, dando forma ás iniciais que quedan enmarcadas pola paisaxe que ofrece o Parque Nacional de Aigüestortes i Estany Sant Maurici, cos impoñentes cumios de Els Encantats ao fondo.

As dúas iniciais culminan coas torres que aluden á historia e á arte románica da igrexa de Sant Climent de Taüll, primeira torre, que edificada no século XII, forma parte do conxunto de igrexas románicas do val Boí, declaradas pola UNESCO, Patrimonio da Humanidade. A segunda torre pertence á antiga catedral de Lleida, a Seu Vella, atalaia e bastión da cidade que elevada sobre o seu colado no ano 1203, velou pola cidade e a súa bisbarra, ao longo de séculos.

A arquitectura modernista, tamén presente na capital, aparece na primeira inicial, na imaxe da fachada da Casa Morera, chamada tamén Casa de la Lira, residencia do poeta e político Magí Morera.

A gastronomía da provincia degústase na especialidade dos caracois “a la llauna”, chamada tamén “cargolada” ou “cargols a la llauna”, que cociñados á brasa sobre unha lámina de metal, sérvense acompañados da salsa alioli ou vinagreta. A degustación adquire tinguiduras festivas no “Aplec del cargol”, que anualmente congrega miles de persoas dispostas a gozar coa especialidade.

O ágape pódese regar con algúns dos viños que ofrece a Denominación de Orixe “Costers del Segre”, cuxas adegas se distribúen ao longo da provincia, abranguendo tanto zonas de montaña coma a conca do Segre.

Dentro de economía frutícola da provincia, a pera conta tamén cun selo de Denominación de Orixe, que protexe as variedades de blanquilla, conferencia e limoeira.

Por último, a bota de esquí remite ás numerosas estacións de esquí que salpican os Pireneos, e por extensión, ao turismo de aventura, que a provincia lidera en actividades como o ráfting, o descenso de barrancos ou o parapente, entre outros.

A franxa de cor verde sobre a que se asenta a imaxereproduce a cor da bandeira da provincia.