Data de emisión: 01 setembro 2020

12 meses, 12 sellos. Lugo

CONSULTAR TARIFAS

12 meses, 12 sellos. Lugo

HISTORIA

12 MESES 12 SELOS. LUGO

A provincia de Lugo recibe a homenaxe da serie filatélica 12 Meses, 12 Selos, cunha postal da costa lucense, da que salientan as súas iniciais formadas por un mosaico de imaxes que retratan a paisaxe, a arquitectura e a gastronomía que se pode gozar na provincia.

Recortada sobre o Cantábrico, a costa de Lugo presenta unha xeografía crebada, formada por multitude de rías, cabos e acantilados, xunto con incribles praias, como a das Catedrais, cuxo nome toma da sucesión de bóvedas e arcos esculpidos na rocha polo vento e o mar, como se pode apreciar na imaxe de fondo do selo.

A paisaxe interior da provincia ofrece, pola súa banda, unha panorámica tapizada de bosques e sucada por ríos, que o home decorou erixindo os singulares hórreos, que poboan por todas as partes o territorio, como o que se aprecia na primeira inicial. O teitume vexetal con forma cónica delata a súa procedencia, situada na bisbarra dos Ancares.

As dúas torres que culminan a segunda inicial mostran a arte sacra que se pode visitar na provincia, dende a catedral de Mondoñedo, no trazo esquerdo, ata a catedral de Lugo, no dereito. Ambas as dúas construcións edificadas dentro do estilo románico entre os séculos XII e XIII soportaron diferentes ampliacións ao longo da historia, que deixaron a súa pegada noutros estilos como o gótico, o barroco ou o neoclásico.

A torre grande inferior que se aprecia no trazo dereito pertence á muralla romana de Lugo. Os seus máis de dous quilómetros de lonxitude, marcados por 85 torres e o seu adarve que alcanza nalgúns puntos ata sete metros de ancho, permiten pasear arredor da zona antiga da cidade. Foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.

O lenzo de muralla que se aprecia baixo a torre grande pertence á fortaleza medieval de San Paio de Narla, edificada no século XIV, e alberga na actualidade un museo etnográfico.

A rica gastronomía da provincia aparece representada polo queixo de tetilla, con Denominación de Orixe, cuxa elaboración con leite de vaca logra un queixo suave e cremoso. Pódese degustar cun dos viños que produce a Ribeira Sacra, tamén con Denominación de Orixe, elaborados na ribeira dos ríos Miño e Sil.

A pendente dourada sobre o fondo azul correspóndese cos numerosos azulexos que sinalizan os ramais do Camiño de Santiago que cruzan a provincia.

Por último, a franxa de cor vermella reproduce a cor da bandeira da provincia.