Data de emisión: 01 outubro 2020

12 meses, 12 sellos. Melilla

CONSULTAR TARIFAS

12 meses, 12 sellos. Melilla

HISTORIA

12 MESES 12 SELOS. MELILLA

As dúas iniciais que sobresaen do selo dedicado a Melilla, apelan á nostalxia que provocan as vellas matrículas de automóbil, utilizadas en España ata o ano dous mil, que permitían identificar o vehículo coa súa provincia de orixe.

O mosaico de imaxes que dan forma ás dúas iniciais, amosa algúns dos atractivos que ofrece a Cidade Autónoma de Melilla a todo aquel que desexe visitala.

Historia, arte, arquitectura e gastronomía, repártense entre as dúas letras, que salientan sobre unha panorámica da Cala de Trápana, con algunhas das casas de Melilla a Vella e o Faro Vello de Melilla, que se pode ver ampliado na letra M.

A zona antiga permite vagar pola historia antiga da cidade, accedendo dende a Porta de Santiago, cuxa imaxe se pode apreciar no primeiro trazo agudo da primeira inicial. Construída en 1549 polo enxeñeiro Miguel de Perea, está protexida por un foso, que sortea unha ponte levadiza, construídos ambos os dous máis dun século despois. Un escudo do emperador Carlos V preside o acceso á vella cidade.

Unha vez dentro da cidadela, podemos visitar as monumentais Covas do Conventico, cuxa construción realizada no século XVIII, tiña como finalidade, protexer a poboación en momentos de perigo, como sucedeu durante o Sitio de Melilla en 1774. Están divididas en tres niveis, sendo o inferior o máis rechamante pola amplitude das naves.

Por enriba dos tellados de Melilla a Vella, sobresae a espadana da Igrexa da Purísima Concepción. Construída en 1657, sufriu ao longo dos séculos, o envite de terremotos e temporais que obrigaron a restaurar e reformar a construción en varias ocasións.

A Melilla Modernista xunta as dúas iniciais, cunha imaxe da fachada da Casa de David J. Melul. Obra do arquitecto Enrique Nieto, está considerada como a obra cumio do modernismo floral melillés e como un dos mellores expoñentes do modernismo español de principios do século XX. Catalogado como Ben de Interese Cultural, forma parte do Conxunto Histórico Artístico da Cidade de Melilla.

A gastronomía que se pode degustar en Melilla está representada pola pastela, un curioso prato elaborado cunha especie de masa de follado e polo, que se cobre con azucre glas e con canela.

A franxa inferior do selo toma a cor azul da bandeira da Cidade Autónoma, sobre a que se imprimiu o logotipo do 40 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais e Xurídicas de Melilla, fundada en 1979 pola universidade de Granada.