Data de emisión: 14 febreiro 2020

500 años nacimiento de D. Pedro Menéndez de Avilés

CONSULTAR TARIFAS

500 años nacimiento de D. Pedro Menéndez de Avilés

HISTORIA

PERSONAXES. 500 anos do nacemento de Don Pedro Menéndez de Avilés

Houbo un tempo no que a soa mención de Pedro Menéndez de Avilés infundía pavor entre os corsarios que fustrigaban a frota española, provocaba admiración entre os mariños que cruzaban o océano e infundía un profundo respecto e confianza aos dous reis españois aos que serviu: Carlos I e o seu fillo Felipe II. Do actual esquecemento, rescatamos a través deste selo a quen é considerado como un dos máis grandes navegantes que tivo a historia de España. Un personaxe que ao longo da súa vida logrou ser Adiantado da Florida, Capitán Xeral das Indias, Gobernador Xeral da illa de Cuba e Conselleiro de Indias.

Nado o 15 de febreiro de 1519, de mozo deu mostras do seu carácter audaz e intrépido embarcando con tan só catorce anos para combater a pirataría. Anos despois, puido armar a súa propia embarcación na que se enrolaron dous dos seus irmáns e seu cuñado, Gonzalo Solís de Merás, quen sería ademais o cronista da súa xesta. En pouco tempo acadou gran fama como cazador de piratas, logrando a súa maior fazaña asaltando o porto de La Rochelle co fin de dar morte ao corsario Jean Alphonse de Saintonge e rescatar cinco navíos españois que secuestrara. Coñecedor da súa audacia e valor, Carlos I outorgoulle patente de corso para defender de piratas o Cantábrico e o Caribe.

En 1565 Felipe II noméao Adiantado da Florida co fin de explorar e colonizar o novo territorio e defendelo da presenza de hugonotes franceses que comezaban a se establecer na rexión. Ademais, o propio navegante albergaba a esperanza de atopar o seu fillo, tamén mariño, que naufragara na zona uns anos antes. Da súa estancia en Florida, Pedro Menéndez logrou fundar a poboación habitada máis antiga de América do Norte, San Agustín e unha rede de fortificacións que defendían os novos asentamentos.

En 1574 foi nomeado Capitán Xeral da frota que debía de auxiliar a Luis de Requesens na rebelión de Flandres, falecendo por enfermidade o 17 de setembro dese mesmo ano.

Á súa vida de exploración e viaxes hai que engadir as importantes achegas que realizou á navegación marítima en cartografía, arquitectura naval e abrigo, deseñando ata o máis mínimo detalle a Frota de Indias, que de xeito regular, comunicaría ao longo dos séculos España co Novo Mundo.