Data de emisión: 29 maio 2020

Minerales. Azabache

CONSULTAR TARIFAS

Minerales. Azabache

HISTORIA

MINERAIS. ACIBECHE

O afamado acibeche asturiano é unha xema orgánica, moi apreciada polas súas excelentes calidades para o talle, acadando un característico brillo e cor negra intensa, tras ser pulido. Estudos especializados determinan que este material leñoso, convertido nun carbón húmico, perhidroxenado durante a idade Kimmeridgiense (Xurásico Superior), hai uns 155 millóns de anos, sufriu circunstancias singulares durante a súa formación, como a impregnación en hidrocarburos, que lle confiren algunhas das súas exclusivas características e excepcional estabilidade, para ser utilizado en xoiaría.

Aínda que é un material escaso na natureza localízanse xacementos de acibeche, e outros materiais afíns, con características diversas, en diferentes puntos do planeta. É unha das primeiras materias primas utilizadas polo home transformada, fundamentalmente, en obxectos de adorno persoal e amuletos. É en Asturias onde se conservan algunhas das pezas máis antigas de Europa, unhas doas de colar cuns 19.000 anos de antigüidade. Consérvanse en museos de todo o mundo, magníficas xoias deste material recuperadas en xacementos arqueolóxicos de diversas épocas.

Na Península Ibérica existen outros depósitos que foron tamén explotados no pasado, como en Teruel, de orixe Cretácico e no ámbito de Batalha (Portugal), tamén de orixe Xurásica. Pero é o localizado na costa asturiana, e principalmente o de Oles (Les Mariñes, Villaviciosa), o que dende a Idade Media, grazas principalmente á súa temperá vinculación co Camiño de Santiago, foi coñecido pola súa excelente calidade. O seu prestixio foi avalado durante séculos polo Gremio de Acibecheiros de Santiago de Compostela, que esixía aos seus artesáns o uso exclusivo de acibeche asturiano nas súas Ordenanzas, protexendo así un rico monopolio. Recordos e símbolos de peregrinación, realizados con acibeche de Asturias, consérvanse nalgúns dos museos máis importantes do mundo. A peregrinación a Santiago converteu o acibeche asturiano en universal.

O acibeche de Les Mariñes foi tamén, durante séculos, obxecto dun florecente comercio con América, onde outros materiais locais afíns eran xa utilizados dende Época Precolombina. A última grande explosión comercial da materia prima asturiana produciuse entre finais do século XIX e principios do século XX. Durante anos exportáronse a Inglaterra centos de toneladas de material xa que, o seu tamén historicamente afamado acibeche, procedente de Whitby (York), era insuficiente para a alta demanda xerada pola moda vitoriana inglesa vinculada ao loito. Boa parte das prestixiosas, e aínda moi cobizadas, xoias vitorianas de Whitby teñen, en realidade, a súa orixe na materia prima asturiana.

Hai case 100 anos que non existen minas en explotación en Asturias. A súa extracción realizouse, agás nos primeiros anos do século XX, principalmente con medios manuais, sendo a busca do material, nas angostas galerías, en ocasións con centos de metros e varios ramais auxiliares, un duro traballo de enorme sacrificio e risco. Os artesáns que hoxe en día continúan traballando o material abastécense de desprendementos de acantilados, provedores estranxeiros e antigas entulleiras, testemuñas, xa case esgotadas, de esplendores pasados.

O acibeche segue sendo transformado tanto en España, coma noutros centros produtores internacionais, tanto en pezas tradicionais do gusto popular, coma en deseños e combinacións novidosas máis adaptados do público actual.

Na imaxe podemos ver unha das antigas bocaminas abandonadas da zona de Oles. A única que se pode visitar e onde finaliza a denominada “Ruta do acibeche” (PR-AS.199).

Unha pequena mostra do prestixioso acibeche de Oles, atópase impregnado de forma exclusiva neste Prego Premium.

Andrea Menéndez Menéndez

É Licenciada en Xeografía e Historia. Profesional da arqueoloxía e a xestión do patrimonio e especialista no estudo do acibeche dende un punto de vista histórico e arqueolóxico.