Data de emisión: 05 novembro 2020

Navidad 2020

CONSULTAR TARIFAS

Navidad 2020

HISTORIA

NADAL 2020.

75 ANOS DE BELENISTAS DE MADRID E BELÉNS REXIONAIS. BELÉN CÁNTABRO DE CUDÓN

O Nadal é un dos momentos máis especiais do ano. Coa chegada do inverno, o frío avívase, os días acúrtanse e todo nos convida a recollernos na casa para reencontrarnos coas vellas tradicións. Cada familia ten os seus propios costumes para celebrar o Nadal aínda que algo é seguro que nas casas dos filatélicos non faltarán os selos dedicados a estas festas.

Os dous selos emitidos este ano por Correos están especificamente relacionados cos beléns. En 1955 apareceu o primeiro selo dedicado ao Nadal onde se recollía unha imaxe da obra de El Greco “A Sagrada Familia”. Non obstante, sería a partir de 1959 cando a serie Nadal comezou a súa emisión ininterrompida.

O primeiro selo está dedicado aos 75 anos da Asociación de Belenistas de Madrid coa representación dun belén realizado polo artista madrileño José Mayo Lebrija para homenaxear á Asociación de Belenistas de Madrid por este aniversario. Esta asociación naceu en 1945 cando un grupo de amigos se reuniu para montar beléns en rúas e locais de Madrid para promover esta tradición, e hoxe conta con máis de seiscentos socios de distintas idades. A asociación recibe encargos para deseñar e montar beléns tanto por parte de administracións coma de particulares. O proxecto máis destacado é a montaxe do belén da Real Casa de Correos, na Porta do Sol, sede do goberno rexional que a asociación monta dende hai 17 anos no que se traballa practicamente todo o ano deseñando este tipo de escenas do Nadal cunha temática distinta escollida pola propia asociación. A asociación ten un local na rúa Gobernador número 11 onde hai unha exposición todo o ano con parte das mil figuras que atesouran, de estilo clásico e valoradas entre 10 e 300 euros.

O segundo selo, inaugura unha nova serie dedicada ás escenas dos diferentes beléns de España. Para este 2020 elixiuse o belén de Cudón que é un dos beléns máis singulares dos que se realizan no noso país. O seu autor, Ángel Bolado, creou case un millar de figuras, e a súa vontade de verosimilitude levouno a dotar trescentas delas de movemento. O seu realismo e detalle queda reflectido na imaxe escollida para o selo. Trátase dun grupo de homes que realizan a famosa augardente de Liébana. A augardente desta rexión pasa por ser a primeira que se elaborou na nosa xeografía, e as súas orixes remóntanse ao século XIV. A alquitara de cobre que se distingue serve para quentar as pelicas das uvas nun proceso que se pode prolongar ata doce horas.

Ambos os dous selos fan unha homenaxe a unha afección que require paciencia, dedicación, poñer atención aos detalles e ir construíndo un pequeno universo diferente cada ano. Esta afección ten moito que ver coa Filatelia que require desas mesmas habilidades que fan que cada persoa que colecciona vaia compoñendo un mundo propio composto dos seus gustos, hobbys, momentos especiais...Este 2021 esperamos seguir coleccionando e compartindo momentos únicos recollidos nos selos.