Data de emisión: 19 xaneiro 2021

Efemérides. 125 Anos da Asociación da Prensa de Madrid

CONSULTAR TARIFAS

Efemérides. 125 Anos da Asociación da Prensa de Madrid

Historia

EFEMÉRIDES. 125 ANOS DA ASOCIACIÓN DA PRENSA DE MADRID.

A Asociación da Prensa de Madrid (APM) foi fundada ás 22:00 horas do 31 de maio de 1895, no salón de actos da Real Sociedade Económica Matritense de Amigos do País, por 173 xornalistas; entre eles, só se encontraba unha muller: Jesusa Granda, colaboradora do diario “El Globo”. Á reunión fundacional asistiron todos os directores dos xornais do momento e a maioría dos xornalistas máis destacados da época.

Un dos principais obxectivos desta asociación é loitar en defensa da liberdade de información e da dignidade do xornalista.

Este obxectivo segue vixente hoxe en día, nunha época na que as redes sociais se converten nas principais fontes de desinformación, provocando as recentemente denominadas “fake news” que maquillan a realidade ao antollo dos que as xeran.

A información é poder, foino e serao sempre, por iso, coidala e respectala faise imprescindible para que non se converta nunha arma de dobre fío.

Por todo iso, a liberdade de expresión e de información precisa máis que nunca unha defensa acérrima como a que a APM realiza cada día dende hai 125 anos.

Un aniversario tan especial, posto que 125 anos non se cumpren todos os días, merece un selo como o que Correos dedica a esta asociación.

O selo mantén o azul, cor identificativa da Asociación de Prensa de Madrid, no que se mesturan pasado e presente con ilustracións de gravadoras, micrófono ou os teléfonos móbiles, ferramentas imprescindibles para estes profesionais e símbolos tamén desa “verdade” que defenden, xa que o que se grava, de calquera xeito, permanece.

Esa permanencia é unha das características principais dos selos, porque esta homenaxe á APM, permanecerá para sempre gravada nun pequeno selo de catro centímetros, co que sempre se lembrará que dende hai máis dun século, hai unha institución que vela pola veracidade da información e a protección dos seus profesionais.